O Festival Chandefolk de Nigrán estará protagonizado esta noite, desde as 22.00 horas, polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Será no merendeiro de Chans de Rapadouro de Chandebrito, ao carón do campo de futbol.

Budiño contará como convidado especial no Chandefolk co afamado guitarrista Antonio Casado, membro da banda internacional de Pedro Abrunhosa. Ademais, estarán con el no escenario os seus músicos habituais: Fran Sanz ao baixo, Brais Morán á guitarra, Cibrán Seixo ao violín e Marcos Pazo á batería.

Neste concerto será central o seu derradeiro disco Fulgor. Este disco está cargado de grandes letras de poetas (Antía Otero), de cantautores (Xoel López e Vega) e do propio Budiño. Con todo, no concerto tamén repasará o seu primeiro traballo Paralaia, gravado no 1997.

O Chandefolk é un espectáculo co que colabora a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia de Chandebrito. Forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, de promoción e difusión de música galega e conta tamén co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da da Liña 2 do Plan Concellos.

A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias, ademais das medidas dirixidas a cumplir co protocolo Covid-19 (excepcionalmente e por este motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior).

Mochilas vibratorias

As mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675. Cabe lembrar que precisamente, estas mochilas foron estreadas no Chandefolk 2019 con Roi Casal.

“O ano pasado recibimos a Milladoiro e este ano ao grandísimo Budiño, ambos historia viva da nosa música, sen dúbida Chandefolk é xa un referente do folk en toda Galicia”, apuntou na presentación o alcalde, Juan González, quen destaca o “máxica e íntima” que resulta a ubicación en Chandebrito, “a simbiose é perfecta”.

“Coñecemos este festival e tiñamos moitas ganas de acudir, a ubicación é preciosa e a nosa vinculación emocional con esta parroquia que sufríu duramente os incendios de 2017 tamén o é” opinou Budiño, gaiteiro internacional recoñecido como un dos máis vangardistas na historia do folk galego.