Coleccionismo, antigüidades, historia, humor, cine e música son algunhas das propostas da programación Baiverán 2021 para esta semana no Concello de Baiona. Con todo, a axenda cultural e festiva deste verán prolongarase tamén en setembro.

Oswaldo Digón. | // FARO

O Paseo Pinzón acollerá durante toda a xornada de mañá, de 9.00 a 21.00 horas, unha Feira de Antigüidades e Coleccionismo.

O Multiusos do Mercado de Sabarís acollerá o martes, 24 de agosto, unha nova conferencia do ciclo O Falar das Pedras. Nesta ocasión será Anxo Rodríguez Lemos quen profundice “Entre marcos, devesas e camiños. A xurisdicción real de Baiona (séculos XVI-XIX). Será ás 20.30 horas.

Tamén o martes haberá cine como proposta en Baiona. O centro cultural de Baredo acollerá a proxección de “Los ángeles de Charlie”, ás 22.30 horas.

O mércores, 25 de agosto, noite de humor ao aire libre no Parque da Palma cunha nova sesión do ciclo “Baiona con humor”. Ás 21.00 horas, actuará Oswaldo Digón, que fará rir ao público con “Anecdoloxía”.

O xoves, 26 de agosto, Xente Tóxica dará un concerto ás 21.00 horas, no Parque da Palma.

O venres, 27 de agosto, concerto de Baiuca, dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. Será ás 21.00 horas, na Península Santa Marta. Entrada de balde ata completar aforo.

O sábado, 28 de agosto, e o domingo29, continuará a música en Baiona. Chega o Barbeira Season Fest. Elemental Street. As entradas son de pago e terá lugar na Península de Santa Marta.

A Romaría da Virxe da Rocha celebrarase tamén o vindeiro domingo, 28 de agosto, no Parque Mercedes de la Escalera.

Agosto rematará en Baiona con cine. Na praza do concello proxectarase “Padre no hay más que uno o dos”, ás 22.30 horas-

O mércores, 1 de setembro, dentro do programa Baiescénica, o auditorio V Centenario, acollerá “Sexo débil. O carallo” de Arantxa Treus. O xoves, 2 de setembro, enmarcada en Baiescénicam, inaugurarase no recibidor da casa consistorial a mostra “Teatro nas paredes”, ás 19.00 horas. Máis tarde, ás 21.00 horas, representación teatral “Desconcerto” con Félix Rodríguez e Fran Rei, no Parque da Palma.

O venres 3 “Ubú encadeado” no auditorio V Centenario. De novo incluído en Baiescénica, que continuará o sábado 4 e o domingo 5 de setembro.

A fin de semana do 11 e 12 de setembro, VI Ruta Musical Sons do Casco 2021.

Finalmente, do venres 24 ao domingo 26 de setembro, Romaría de San Cosme e San Damián.

Roteiros

En Baiona continuarán este mes os roteiros guiados. O xoves 26 de agosto un novo roteiro por un tramo do Camiño Portugués da Costa. Ten unha duración de dúas horas e media e comezará ás 10.00 horas.

Hoxe e o martes e de novo o 28 e 31 de agosto, roteiro guiado polo casco histórico de Baiona. Comeza ás 11.00 horas e dura hora e media.

Os roteiros requiren inscripción previa na oficinadeturismo@baiona.gal ou no teléfono 986687067.