“Volanteiro no Camiño” así é como se denomina á navegación en embarcación tradicional polo Camiño Portugués da Costa. Unha iniciativa posta en marcha este verán pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro de A Guarda, coa financiación da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, consistente en varias rutas marítimas gratuítas para facer parte deste itinerario polo que os restos do Apóstolo Santiago chegaron a Galicia hai case 2000 anos.

Durante xullo e agosto programáronse ata sete rutas diferentes, desde A Guarda ata Redondela, onde conflúen o camiño polo mar e pola terra, pasando polo Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo.

A ruta inaugural foi “O Mar Xacobeo” con saída e chegada na Guarda, a cal se repetiu a pasada semana; as dúas seguintes foron unha navegación dende A Guarda ata Oia e viceversa e logo organizouse outra dende A Guarda a Baiona e dende Baiona ata A Guarda. As rutas programadas para este mes de agosto son as que unen Vigo e Redondela, que xa se realizaron en xullo e volverán repetirse o venres 20 e o sábado 21, con saída ás 10.00 e 15.30 horas dende o Liceo Marítimo de Bouzas e as 12.00 e 17.30 horas dende o Museo de Meirande. A participación, con idade mínima de 14 anos, é gratuíta, sendo preciso inscribirse a través da páxina web https://piueiro.webnode.es/o-teu-xacobeo.

O Piueiro realiza unha navegación a vela totalmente sustentable, na que unicamente se apoia no motor para facilitar as manobras de atracada e desatraque.

O obxectivo deste proxecto é promocionar as rutas xacobeas por mar, en particular o Camiño Portugués pola Costa, pór en valor e dinamizar o patrimonio marítimo e fluvial de Galicia e Norte de Portugal e crear espazos de encontro entre peregrinos e a poboación local.

A travesía permitirá descubrir a navegación a bordo dun volanteiro guardés e a cultura mariñeira transmitida pola propia embarcación e polos seus tripulantes, en parte mariñeiros xubilados do porto da Guarda

Un elemento fundamental do proxecto é un mapa que, entre outros agasallos conmemorativos, reciben todos os participantes e que achega unha visión do Camiño Portugués pola Costa desde o mar, destacando bens patrimoniais e naturais como o Monte Santa Trega, o espazo Natural Esteiro do Miño (Rede Natura 2000), o Mosteiro de Oia, os petróglifos Auga dos Cebros (embarcación fenicia), a Fortaleza Monterreal, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o Monte do Castro, o Centro de Interpretación da Batalla de Rande ou a Illa de San Simón.

“Volanteiro no camiño” persegue tamén vincular o mar e a poesía, polo que o mapa inclúe unha selección de poemas de Rosalía de Castro sobre o mar. E xa no mes de setembro, coma colofón á iniciativa, haberá un recital poético.