Non hai fogos de luces nin a tradicional danza das espadas, non será como sempre pero esta fin de semana Baiona conmemora as súas festas patronais na honra á virxe da Anunciada e con tal motivo hai programado unha serie de actos, dende hoxe e ata mañá domingo.

A axenda comeza cada xornada, ás 11.00 horas, cunha salva de 12 bombas de palenque.

Un recinto habilitado para tal fin no Parque da Palma alberga as principais actuacións. Así, mentres onte foi o escenario do concerto de Efecto Pasillo, hoxe será o da banda de rock Sober e mañá o do espectáculo infantil “Gisela Concert Kids”. A cita desta noite será ás 23.00 horas e a de mañá ás 21.00 horas e para ambas é obrigatorio a inscrición previa, reservando a entrada, de xeito gratuíto, a través da páxina web oficial do Concello de Baiona www.baiona.gal, ao igual que tamén o é para o resto de eventos programados neste mesmo lugar, incluídos na axenda cultural Baiverán.

Serán unhas festas patronais adaptadas á situación de pandemia actual, seguindo o protocolo marcado polas autoridades sanitarias, o cal dende o consistorio faise un chamamento ao seu estrito cumprimento. Non se realizará a tradicional procesión na honra a virxe da Anunciada polas rúas do casco histórico da vila, nin as actuacións da danza das espadas nin a da banda de música. Con todo, si se oficiará a misa solemne, que será hoxe, ás 20.00 horas, na igrexa de Santa María e estará cantada polo Coro Parroquial de Baiona.

Baiverán

E logo deste días grandes, en Baiona continuará a programación cultural. O martes 10 prosigue o ciclo O falar das pedras e o cinema na rúa en Sabarís, o mércores 11 David Amor ofrecerá un monólogo no parque da Palma onde ao día seguinte dará un concerto Cherry Sweet e o venres 13 actuación de Adrián Timms en Sabarís.

Para a seguinte semana, o martes (17) de novo O falar das pedras e proxección de película, desta vez na Praza do Concello, o mércores actuación do Mago Cayetano Lledó no parque da Palma onde ofrecerán un concerto Fresquito y Mango o xoves, e o venres música dos anos 60 e 70 con “Rock Q’ mola” nos xardíns do arquivo histórico e biblioteca.