Salceda de Caselas acolle hoxe e mañá a primeira edición de “Divírtete en Salceda”. Unha festa chea de actividades infantís organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA) e o Concello de Salceda desde as concellerías de Comercio e Infancia.

Todas as actividades están pensadas para a diversión da cativada e terán lugar en tres espazos públicos da vila, todos eles ao aire libre. Asimesmo, contarán con monitores especializados cada unha delas.

Na Praza do Concello de Salceda estará instalada unha tirolina xigante; na rúa Coruña estará o tobogán de auga; e o Parque Raíña Aragonta será o recinto para un circuíto dunha divertida carreira de obstáculos.

Unha festa ao aire libre chea de entretemento que, segundo as previsións, terá distintos horarios. A tirolina e o tobogán de auga funcionarán de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, ámbolos dous días. Mentres que a carreira de obstáculos será unicamente de mañá, de 10.00 a 12.00 horas.

A entrada é gratuíta para os clientes dos comercios asociados de ACISA que reciben invitación polas súas compras.

Esta primeira edición contará con todos os protocolos sanitarios; distanciamento, uso de máscara e desinfección.

Colaborará coa organización a Asociación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Salceda.

Esta festa súmase á de “Noites na Rúa”, tamén impulsada por ACISA, que inclúe actuacións con flocos de millo, descontos nos comercios e pinchos coas consumicións na hostalería.