O 4º Festival Internacional de Teatro de Rúa, que leva sorprendendo e facendo rir a Ponteareas desde o mércores, despedirase esta tarde con tres compañías teatrais e musicais.

En caso de chuvia os espectáculos trasladaranse ao patio cuberto do CEIP Nosa Señora dos Remedios. De non ser así, a Compañía Educa Teatro partirá dos Xardíns da Xiralda, ás 19.00 horas, co seu espectáculo “Ponteareas é un conto”, para chegar a Feira Vella, ás 19.30 horas, onde actuará a compañía Kote Malabar e ofrecerá o espectáculo “Cirkote”.

A animación de “Ponteareas é un conto” partirá de novo ás 20.30 horas desde A Feira Vella ata a Praza Maior, onde ás 21.00 horas, actuará Pakolas co seu show “Ramona Órbita, a dona do tempo”.

E o vindeiro sábado, 14 de agosto, comezará en Ponteareas unha nova edición do Festival Groba, a novena, que se extenderá até o venres 20 de agosto. Será toda unha semana de música de cámara con distintos escenarios; o auditorio municipal, a praza Doutor Fernández Vega, o Convento de Canedo e a Feira Vella.

A entrada ás actuacións é de balde, pero as persoas que queiran asistir terán que facer as súas reservas na plataforma: https://www.eventbrite.es.

Entre as propostas musicais terá especial atención a obra do mestre Rogelio Groba, que aos seus 92 anos continúa compoñendo e xa suma 721 pezas.

Estará a violinista Simone Porter, o cellista Kyril Zlotnikov, o pianista Federico Colli, o cuarteto de cordas Quatour Mona, ademais da Orquestra de Cámara Galega e varios dos seus músicos solistas, como a cellista ponteareá Alba Reirís.