Continúa o programa Gondocultura en Gondomar. Unha programación para os meses de verán que enchen tódolos recunchos da vila de eventos e actividades de ocio e lecer, para todos os públicos, na que dende o Concello fíxose unha clara aposta polos grupos e artistas locais.

Entroido de Verán de Gondomar.

As festas patronais de San Benito, coa recuperación das verbenas e atraccións de feira para os máis pequenos; o I Entroido de Verán, en compensación ao non celebrado en febreiro e diversos concertos sucedéronse en xullo, e xa nesta primeira semana de agosto proseguiron as actuacións. Precisamente para hoxe sábado está programado o concerto de Indiana, na Paza Pardela a partir das 22.30 horas. Pero antes, no Parque da Coelleira hai unha cita co deporte e a diversión, volve a Gondomar “Gladiator Kids”, unha proba de obstáculos para nenos de 3 a 12 anos que deben de ir acompañados dun adulto. Na súa terceira edición conta con 400 inscritos e desenvolverase en dous percorridos diferentes adaptados á idade dos participantes, nos que os máis cativos poderán poñer a proba as súas habilidades fronte aos obstáculos que deberán ir sorteando nun reto que se caracteriza polo seu carácter lúdico e non competitivo, “sendo sempre o máis importante a diversión e o intre que se comparte en familia”, remarcan dende a organización.

Para a xornada de mañá está programada unha sesión de cine ao aire libre, proxectarase a película “Onwards”, no Parque Ponte das Rosas, a partir das 22.30 horas. A cita co sétimo arte volverá a repetirse o vindeiro domingo, día 15, no mesmo lugar e hora, nesa ocasión poderase ver o filme “Jojo Rabbit”.

Os concertos de The Bigüis (venres 13), Dr. Slump (venres 20) e Argonat Band (domingo 22), o show de Cristian de Samil (sábado 14) e Mitic, el espectáculo (sábado 21) son outros dos eventos programados para este mes de agosto, no que tamén se celebrará a actividade “Descubrindo Gondomar” (domingo 22) a través da cal se dan a coñecer os principais atractivos do municipio a través dunha divertida procura do tesouro, que se realizará por grupos e para a cal o vindeiro martes remata o prazo de inscrición.