Os concelleiros do goberno municipal do Porriño Sergio Casal, David Alonso e Camila Moreira recibiron aos peregrinos que portan a “mochila da luz” en homenaxe ás vítimas da COVID-19. Unha iniciativa que xurdiu o pasado ano e que este tivo continuidade.

Trátase dun grupo de persoas de varias nacionalidades encabezado pola coordinadora da iniciativa, Susi Soto, que realizaron o Camiño Portugués portando por relevos esta mochila, que leva unha luz acendida, desde que partiu da cidade portuguesa de Oporto ata chegar a Compostela, na véspera do día grande de Galicia.

Este ano 2021 a mensaxe a transmitir “é de esperanza, da luz da esperanza dos nosos maiores por ser o primeiro grupo de poboación en ter recibida a vacina”, segundo manifestan os promotores da “mochila da luz” nas súas redes sociais.

A ruta dividiuse en 13 etapas e o edil Sergio Casal acompañounos na sexta, Porriño-Redondela.