A Cañiza convértese hoxe na capital do aeromodelismo galego, co campionato (F5J) de planeadores eléctricos. Celebrarase, desde as 10.30 horas, durante toda a xornada no Campo de voo O Pastizal de Fontefría. O campionato está organizado polo Club Vuelo a Vela Fontefría. Esta noite, ás 21.00 horas, dará un concerto Dúo Tao con Xosé Antonio Rodríguez e Loida Díaz. Será no campo de Augas Férreas ás 21.00 horas.

O río Deva acollerá mañá unha xornada de pádel surf: “Sente a nosa auga cunha experiencia única de pádel surf”. A participación require inscripción na web da Deputación: www.depo.gal. Haberá dúas quendas de mañá e dúas de tarde.

Pola noite, ás 22.30 horas, a Praza Maior da Cañiza encherase de música e arte coa actuación de Samudra Trío.

O luns, 9 de agosto, xornada de humor co monólogo do actor Sergio Pazos que protagonizará “Contaxiándonos do humor”. Será na Praza Maior ás 22.30 horas.

O martes, 10 de agosto, xornada de deporte coa Festa da Bici. Un percorrido de 10 kilómetros que partirá da casa do concello ás 19.30 horas. Os participantes entrarán no sorteo dunha bicicleta.

Ese mesmo día, as mellores voces da Cañiza poderán darse a coñecer tamén este martes no karaoke que se instalará no escenario da Praza Maior desde as 22.30 horas.

As acrobacias de altura chegarán o mércores, 11 de agosto, da man da compañía Desastronauts, que actuará na Praza Maior da Cañiza ás 22.30 horas, co espectáculo “Máis alto aínda”.

O xoves, 12 de agosto, noite de música co concerto de Broken Peach. Será na Praza Maior da Cañiza desde as 22.30 horas. Máis música o venres, 13 de agosto, con Os D’Abaixo ás 23.00 horas.

O sábado 14, actuará a Banda de Música Unión de Guláns na Praza Maior ás 12.00 horas. Pola tarde, ás 19.00 horas, acto de homenaxe polo 50 Aniversario CF Cañiza, que inclúe unha exposición fotográfica que se poderá ver de 13.00 a 18.00 horas.

Pola noite, Milladoiro deleitará aos cañicenses na Praza Maior, ás 23.00 horas, co seu concerto.

O domingo 15 de agosto, pasarrúas cos centenarios cabezudos desde as 12.00 horas, e o grupo Santa Cristina de Valeixe. Pola tarde, espectáculo infantil de baile ás 19.00 horas na rúa Oriente e, pola noite, actuación da televisiva Tamara Pérez.