“Verán con Simona”, así se denominan os campamento de conciliación para nenos de entre 3 e 12 anos ofertados polo Concello de Redondela que, por segundo ano, abranguen dous meses, xullo e agosto, introducindo como novidade nesta ocasión a inscrición por quincenas en lugar de por mes completo. A actividade é totalmente de balde para as familias, que dispuxeron, para esta tempada estival, dun total de 480 parazas, 120 para cada unha das quendas, distribuídas en sete localizacións diferentes do municipio. Así o campamento desenvólvese á vez nas instalacións dos colexios de Cedeira, Laredo, Outeiro das Penas, Porto-Cabeiro, Quintela e Reboreda, así como tamén no IES Mendiño.

Xuventude á auga

Na mesma liña de ofrecer actividades deportivas e de lecer, á vez que se axuda na conciliación familiar e laboral, o Concello de Redondela tamén puxo en marcha o programa ‘Xuventude á auga’, neste caso dirixido tamén aos mozos, abranguendo dos 8 aos 18 anos.