O pan de Porriño, as rosquillas de Gondomar, os mirabeis do Rosal e os kiwis do Baixo Miño, entre outros, foron produtos destacados na primeira parte da campaña “Parte de ti” da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural. Agora, esta iniciativa volve con novas experiencias e novos proxectos levados a cabo, igualmente, por produtores da contorna.

A de Patricia Fernández, de Na Abada, é unha desas grandes historias, que se proxectou, mediante un vídeo documental, no acto de presentación da ampliación da campaña, no que ela mesma interveu para compartir como foi o seu proceso de reinvención ao ter que converter, debido a crise provocada pola COVID-19, a súa empresa local de flor cortada nun novo proxecto de venda de froitas e verduras que combina as novas tecnoloxías e os xeitos de cultivo tradicionais, poñendo así a disposición dos consumidores produtos de tempada apañados na horta no momento, sans e libres de todo tipo de químicos, cun método de envasado que non produce residuos.

“Sabíamos que esta oportunidade tiña que ser aproveitada para mellorar, e sabemos que coa nosa proposta estamos contribuíndo a mellorar o agro, a mellorar o medio ambiente, a mellorar a alimentación de cada cliente. En definitiva, estamos contribuíndo a mellorar a nosa vida e as dos que desexan formar parte deste proxecto, que cada vez é maior”, explicaba Fernández.

Ademais da historia de Na Abada presentaranse ao longo da campaña outros proxectos coma Cerámica Q, Vionkas Bake, Calabizo, Orpagu Pesca de Anzuelo, Areladefé, Grupo Godoy Maceira ou Xorxios Café.

“Parte de ti” nace polo obxectivo do grupo de dirixir o seu apoio ás persoas produtoras, transformadoras e comercializadoras do rural. Trátase, por tanto, dunha campaña enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias dos produtores. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador. Este ano, ademais, porase o foco tamén nos puntos de venda e nas diferentes experiencias que os visitantes poden desfrutar nas distintas zonas que forman parte do GDR.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Galicia Suroeste Eurural é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos municipios de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.