OO concello de Gondomar suma un novo desfibrilador semiautomático nas súas instalacións, concretamente no Centro de Desenvolvemento Local (CDL). Este novo equipo foi cedido pola Sociedade Atlética do Val Miñor, que se adestra en dependencias municipais.

Desta forma a localidade suma un total de cinco sistemas de Reanimación Cardiopulmonar cubrindo a totalidade de zonas que son empregadas por un número considerable de persoas de diferentes rango de idade, dotándoas así deste material que é indispensable e que permite prever calquera continxencia que poida ocorrer.

Así neste momento están equipados con desfibrilador, e correctamente sinalado, o pavillón municipal Bernabé Costas de Miranda, os campos de fútbol municipais de As Cercas e As Gaiandas, o auditorio municipal - conservatorio e o CDL, aos que desde o Concello de Gondomar espérase poder sumar novos dispositivos en breve.

Está demostrado que o uso dos desfibriladores nun período máximo de dez minutos posteriormente ao inicio da parada, pode aumentar as posibilidades de supervivencia ata un 70%.

Cursos de formación

Por outra banda, confíase en poder continuar cos cursos de Reanimación Cardiopulmonar e Primeiros Auxilios que se viron interrompidos como consecuencia da pandemia da COVID-19, estudando xa a posibilidade de poder poñelos en marcha en canto as medidas sanitarias actuais o permitan.