O Concello de Salvaterra de Miño foi un dos máis cautos da bisbarras o pasado verán, o primeiro da pandemia da COVID-19, prescindindo de actos festivos e culturais que conlevasen concentración de persoas. Nembergantes, este ano Salvaterra recupera as súas grandes citas de agosto, por suposto con todas as medidas de seguridade ao seguir en pandemia.

Este 2021 volverá a súa gran festa de finais de agosto, a Festa do Viño do Condado do Tea, que incluirá catas e visitas guiadas, aínda que adaptadas ás restricións do protocolo COVID.Será de venres a domingo, do 27 ao 29 de agosto.

Co lema “Un agosto diferente pero seguro en Salvaterra”, o goberno local presentou a súa programación cultural do vindeiro mes. “O compromiso coa cultura non podía faltar, adaptando a programación á nova situación que estamos a vivir, unha programación diferente á que estamos acostumados, pero que segue na mesma liña de traballo” apuntou a alcaldesa, Marta Valcárcel.

A programación, pensada nun público familiar, incluirá cinema, teatro, deporte e música. O espazo principal das actuacións será a Praza do Concello, elixida por ser un lugar que permite delimitar e ter un control estrito de aforo.

Axenda

A programación do Verán Cultural 2021 comezará en Salvaterra o venres, 6 de agosto, con cine Infantil “As mascotas da raíña”, ás 22.30 horas.A Banda de Música Popular de Tui dará un concerto o sábado, 7 de agosto, ás 22.30 horas.

Unha xornada deportiva é a prevista para o domingo, 8 de agosto, co Roteiro Máis Kaiak desde as 9.00 horas.

A Festividade de San Lourenzo será o martes, 10 de agosto, e o Concello de Salvaterra ten programado para festexala un concerto a cargo da Banda de Música de Salvaterra. Será na Praza da Igrexa despois da misa solemne, prevista para as 12.00 horas. Pola noite, ás 22.30 horas a Banda de Música de Salvaterra volverá dar un concerto na Praza do Concello.

Cine na rúa ás 22.30 horas, na Praza do Concello, o xoves 12 e o venres 13 de agosto. O primeiro día proxectarase Queen e o segundo, Perdendo o Este.

Música o sábado, 14 de agosto, a cargo de Erea Castro. Presentará o proxecto ARRAIAL, ás 22.30 horas.

O xoves, 19 de agosto, haberá un concerto infantil con Pakolas e o venres 20, cine infantil “O neno que puido ser rei”.

O 50 Descenso internacional do Río Miño será o sábado 21, ás 18.30 horas, no parque da Canuda. Ese mesmo día, ás 22.30 horas, Néstor Antonio Barros e Ialma dará un concerto de boleros e baladas na Praza do Concello.

O xoves, 26 de agosto, a compañía Fulano, Mengano e Citano porá en escea unha obra de comedia teatral.

A LXII Festa do Viño do Condado do Tea será a última fin de semana de agosto. Incluirá Túnel do Viño, visitas ás adegas e catas comentadas. Todo cumprindo medidades de seguridade COVID.

O venres 27, concerto da Banda Crebinsky. O sábado 28, concerto da gaiteira Susana Seivane. Ambos na Praza do Concello, ás 22.30 horas.

O público deberá asistir cunha hora de antelación para aplicar as medidas do protocolo anticovid: Desinfección de mans, ocupar as cadeiras asignadas, acudir con máscara e garantir que os nenos e nenas sempre estean acompañados dun adulto.