O Concello de Arbo celebra esta fin de semana a XXVI Festa da Lamprea Seca. A situación sanitaria actual aconsella degustar nos restaurantes a lamprea nesta modalidade, apta para todo o ano; en lugar de poder saboreala na Carballeira de Turbela como en edicións prepandémicas.

Veciños e visitantes de Arbo poderán comela, hoxe e mañá, asada á brasa, rechea con salpicón, frita rebozada ou en empanada, que son moitas das variantes que preparan exitosamente os restaurantes locais especializados neste peixe tan valorado do Miño e que tan ben marida cos viños arbenses.

Paralelamente á degustación na hostalería, hoxe, ás 12.00 horas, haberá pasarrúas coa charanga Sorcha. Ás 19.00 horas, pasarrúas da A.C. Barca de Loimil e da A.C. Vella Barca. Ás 22.00 horas, concerto de Luar na Lubre, na praza do concello.

Mañá a xornada comezará coa Festa da Bicicleta. Sairá ás 10.00 horas da praza do concello. Ás 12.00 horas, pasarrúas coa charanga Nordés. Ás 13.30 horas, concerto da Banda de Xinzo na praza do concello. Pola tarde, ás 19.00 horas, animación infantil coa Superpandi, ás 20.00 horas, espectáculo circense de Iska Letriska, na praza do concello.

Arbo terá cine o 14 de agosto. Proxectará “Cuñados”, ás 22.30 horas, na praza do concello, onde o domingo 15, ás 20.00 horas, actuará o Mago Alberto.

O luns 16 Arbo celebra a festividade de San Roque, con pasarrúas da charanga Atrancalevadas, ás 11.00 horas. A misa solemne será ás 12.00 horas, cantada polo Trío de Cámara Dolce.

Os eventos de agosto rematarán o domingo, 29 de agosto, cunha andaina infantil que partirá, ás 11.00 horas, da praza do concello.