Non haberá nin as tradicionais verbenas, nin desfile nin romaría. Será cun formato diferente pero este ano na Guarda non quixeron renunciar a celebrar as súas festas grandes, a do Monte, declarada de Interese Turístico de Galicia. Será sempre seguindo o protocolo COVID-19 e apelando á responsabilidade individual e colectiva.

Ao longo da vindeira semana non faltará a música tradicional que animará tódolos recunchos da vila, e de xeito paralelo celebraranse diferentes eventos e actividades lúdicos e deportivos. Dende o luns 9 e ata o venres 13 polas mañás, grupos de gaitas recorrerán as rúas do pobo e a partir das 21.00 horas será a quenda das charangas, que tocarán entre a Alameda e a praza As de Copas. A maiores, o martes ás 17.00 horas haberá fútbol infantil no estadio municipal e ás 20.30 horas concerto tamén para cativos “Estamos no verán” no auditorio San Bieito; o mércores, ás mesmas horas, marcha cicloturista popular, con saída e chegada na Alameda, e festival “Coro Arpegios Cantábile” na igrexa parroquial; o xoves disputarase ao longo de toda a xornada o XX Campionato Exhibición de Xadrez na Alameda, ás 19.00 horas partido de fútbol entre os equipos Celta de Vigo (División de honra) e Sporting Guardés e ás 20.30 horas gran gala de circo con Pistacatro no auditorio de San Bieito.

O sábado 14 e domingo 15 continuará a música. O sábado pola mañá catro grupos de gaitas e unha charanga percorrerán as rúas da vila e de novo, pola noite, animación a cargo de dúas charangas. O domingo, a partir das 11.00 horas pulpeiro e tres charangas na Alameda e na praza As de Copas, lugares onde un escultor en madeira fará unha exhibición; á noitiña outra vez música de charanga.

O luns 16, será o día do neno e durante toda a tarde o prezo das entradas para as atraccións terá unha rebaixa do 50%.

Como antesala, esta mesma fin de semana terán lugar dúas competicións, o Torneo de Fútbol 7, hoxe e mañá no estadio municipal da Sangriña e esta tarde, nas pistas do Codesal, o II Torneo de Petanca Festas do Monte.

De xeito paralelo continúa a programación cultural de verán do Concello da Guarda, actividades dirixidas a todos os públicos entre as que destacan as sesións de “Teatro no Trega” a cargo da compañía Os Quinquilláns que se celebran todos os mércores de xullo e agosto

Nesta edición realízase a actividade no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega con dous pases, ás 18.30 e ás 20.00 horas, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono de contacto.

A representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no S.IV, e trasládase aos asistentes á época na cal o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado. A nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos; mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.