A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 do vindeiro mes de setembro, partirá do modelo que seguiu o pasado ano. Así, o esquema será semellante, cunha ampla carpa no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, para as actuacións principais e entrega de premios, cunha capacidade máxima de 300 persoas sentadas e con distanciamento, e recuperarase algúns dos espazos emblemáticos, como son o torreiro ou o galpón e o invernadoiro de Mucha e Juan do Peso. Ambos lugares serán destinados a actividades como pequenas actuacións musicais ou coloquios, sempre co público sentado.

Será preciso o uso de máscara durante as proxeccións e todos os galpóns manterán a capacidade limitada, que non superará o 50%, a pesar de que a normativa permitiría unha ocupación de ata un 75%. Manterase o plan de limpeza e desinfección en cada galpón, despois de cada sesión de proxección ou cada actuación. Ademais, tamén se reforzarán os efectivos de seguridade interna coa intención de que haxa un control de accesos e saídas fluído en todos os galpóns e en todos os camiños da aldea, sobre todo no horario de peche do festival, que en ningún caso superará a 1 da madrugada.

O mesmo ca na anterior edición, para acceder a algunha das actividades será imprescindible comprar unha entrada ou facer a preinscrIpción gratuíta.

Chimpíns

E polo que respecta ao uso de chimpíns, este estará limitado a catro persoas e só circularán, de xeito honorífico, nas tres procesións previstas para o xoves, día 2, no Porriño e o venres (3) e sábado (4) en Cans.