A axenda cultural Baiverán do Concello de Baiona, ademais de música, espectáculos, festivais, maxia, cine ou teatro, inclúe tamén o coñecemento do patrimonio cultural, histórico a natural a través de rutas guiadas por persoas expertas. Trátase das xeiras de verán organizadas polo Instituto de Estudios Miñoranos. A primeira das programadas celebrouse o pasado venres, cando o historiador Anxo Rodríguez Lemos ofreceu unha aproximación á vida dos monxes do Mosteiro de Oia, facendo un percorrido pola aldea medieval de San Cosme e o seu eremitorio unificado ao mosteiro de Santa María.

Para os vindeiros 23 de xullo e 13 de agosto está programada a xeira “Polos cumios da Groba: natureza e patrimonio”, dirixida por Xilberte Manso e Xosé Ramón García. E a última das saídas será o 27 de agosto, “A virxe da Cela: a historia que chega por mar” guiada por Anxo Lemos.

Todas son en horario de tarde, ás 18.30 horas. As prazas son limitadas polo que para participar é imprescindible inscribirse previamente na Oficina de Turismo ou chamando ao número de teléfono 986 68 70 67.

O falar das pedras

Por outra banda, organizouse o II Ciclo de Conferencias “O falar das pedras”. O catedrático de Literatura Española e escritor, Fernando Bartolomé Benito foi o encargado de abrir estas charlas impartindo unha conferencia baixo o título “1585. Drake, Baiona...y el Conde de Gondomar”.

A cita é todos os martes, ata o 24 de agosto, ás 20.30 horas, no multiusos do Mercado de Sabarís. O vindeiro día 20 Manuel Balnco Desar presentará o libro “Huir de la Progeria” e o martes 27 María Jesús Domínguez Sío presentará a novela “Pinzón. El marino que adelantó a Colón”.

Xa para agosto están programados, o día 3 presentación do libro “La peste en Vigo” a cargo de Antonio Giráldez, o 10 relatorio “Cuando las piedras se iluminan” impartido por Begoña Fernández Rodríguez, o martes 17 presentación do libro “Villa termal en el Camino de Santiago” de Adolfo Luís Soto Vázquez e, por último, o 24 de agosto “Entre marcos, devesas e camiños. A xurisdición real de Baiona (séculos XVI-XIX) a cargo de Anxo Rodríguez Lemos.