Volve a Gondomar Gladiator Kids, unha carreira de obstáculos dirixida a nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que deben ir acompañados dun adulto.

Trátase dunha proba, para pequenos e adultos, na que a competitividade queda a un lado para dar paso a intres divertidos e a unha experiencia distinta para os participantes.

Celebrarase o sábado 7 de agosto no Parque da Coelleira, habilitándose 400 prazas. As persoas interesadas xa poden inscribirse, con prazo ata o 5 de agosto, na oficina da Omix, chamando ao teléfono 986 369 746 ou a través da web www.chapionchipnorte.com. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

Na súa terceira edición, Gladiator Kids de Gondomar, desenvolverase en dous percorridos diferentes adaptados á idade dos participantes. Neles, os máis cativos poderán poñer a proba as súas habilidades fronte os obstáculos que deberán ir sorteando nun reto que se caracteriza polo seu carácter lúdico e non competitivo, “sendo sempre o máis importante a diversión e o intre que se comparte en familia”.