Nunha dobre homenaxe converteuse o acto celebrado no Concello de Salvaterra de Miño con motivo da entrega de galardóns dos XVI Premios de Educación do curso 2020/2021. E é que a máis do premio, que neste caso foron lotes informáticos e ordenadores portátiles, os estudantes foron felicitados polo esforzo extra deste ano académico que, como todo, estivo truncado pola COVID-19 e todo o que elo supón.

A alcaldesa Marta Valcárcel lembrou que “os Premios de Educación do Concello de Salvaterra de Miño naceron co ánimo de incentivar o estudo e reforzar actitudes e hábitos relacionados co traballo, esforzo, participación e convivencia entre os nenos e mozos. Un proxecto máis froito da interacción e colaboración entre os centros educativos do municipio e o Concello, na busca de incentivar, animar e premiar o esforzo dos estudantes, hábitos que marcarán o seu futuro e que os poñerán en valor como persoas e profesionais. Nese sentido, e se cadra, agora máis ca nunca tendo en conta a situación na que nos atopamos e a importancia que incluso aínda máis haberemos de outorgarlle a valores como os que precisamente este tipo de convocatorias pretende incentivar, como o esforzo, loita, superación…, nun mundo cada vez máis difícil e incerto, cremos necesario manter esta convocatoria. Pois, sería moi inxusto ademais, co gran traballo e esforzo, reto e desafío… , que todos, alumnado, familias e centros, houberon de realizar, que precisamente non puideran optar a eles”, remarcou a alcaldesa.

Este ano o Concello repartiu un total de 14 lotes informáticos valorados en 344 euros e compostos de tableta, funda, Powerbank portátil e tarxeta memoria micro 64GB que se distribuíron entre alumnado de Primaria, 4º de ESO, Ciclo Formativo de Grado Medio de Soldadura e Caldeirería e FP Básica de Carpintaría e Moble.

A novidade, ou cambio este ano, foi para o alumnado de Bacharelato, ao que habitualmente se lle concedían bolsas para ir ao estranxeiro e nesta edición tiveron que ser adaptadas debido ás restricións de mobilidade provocadas pola crise sanitaria na que estamos inmersos. Así, en substitución a estas estancias no Reino Unido entregóuselle aos tres mellores currículos cadanseu ordenador portátil valorado en 1.390 euros.