Gondomar únese á iniciativa doutras vilas da bisbarra, como é Redondela, e celebra por primeira vez este ano seu particular entroido de verán. A COVID-19 foi a culpable de que no mes de febreiro non se puidese festexar esta tradición ancestral e en vez de pospoñela para o 2022 como así o fixeron a maioría dos concellos, Gondomar optou por non esperar tanto e celebralo xa no verán. A cita é esta mesma tarde, a partir das 17.30 horas na Praza Paradela, onde non faltarán actividades de animación, actuacións musicais e, por suposto, moitos disfraces.

“O Entroido volverá” era o retrouso do vídeo editado pola Concellería de Cultura o pasado mes de febreiro cando se anunciaba a suspensión destas festas. Poñíanse uns puntos suspensivos “a un programa que tiñamos claro que iamos recuperar”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen no seu día xa se comprometeu “a celebralo nos meses de verán”.

Así, para esta ocasión volveuse a compoñer outra nova peza audiovisual, lanzada esta mesma semana anunciando que “o entroido chegou a Gondomar, desempoade os vosos disfraces, abride os baúis e sacade as vosas máscaras. O entroido volveu e elixiu o sábado 17 de xullo para que o celebremos ao grande. Esperámosvos en Gondomar a partir das cinco e media da tarde na praza Paradela”.

Na I Edición do Entroido de Verán de Gondomar o grupo Sara Animación encherá a vila coa súa “Fantasía de circo” na que dez personaxes fantásticos e relacionados coa vida circense animarán as rúas do centro da localidade co seu carro musical, desde o que convidarán a bailar a grandes e pequenos, aos que tamén se lles propoñerán xogos para que se sumen a eles durante toda a tarde.

E para a ocasión, de novo en Gondomar soarán os acordes e a música das tan esperadas verbenas. Na mesma Praza Paradela, a partir das 21.00 horas, o Trío Azar amenizará o serán deste entroido tan esperado e que Gondomar confía en que se “festexe ao grande, sentando un precedente que sirva para pensar en novas edicións para os próximos anos”.

Programación de verán

Os actos culturais continuarán nas seguintes fins de semana. O 23 e 24 haberá música da man de Rubén de de Lis e Sueño de Calíope, respectivamente, ás 22.30 horas na Praza Paradela; e o domingo 25 cinema ao aire libre coa proxección do filme “María Soliña”, ás 22.30 horas no parque Ponte das Rosas.

A programación do mes de xullo pecharase cunha “Noite meiga” organizada pola Omix e o concerto de La Franga o venres 30, ás 22.30 horas na praza Antigas Escolas Vellas, e a actuación de Xanpatito Pato “Só” o sábado 31, ás 21.00 horas na Praza Paradela.