Baixo o título de “Saímos con sentidiño” desenvólvese en Tui, dende esta semana e ata finais de setembro, a programación cultural do verán. Case tres meses nos que a cidade fronteiriza albergará espectáculos de música, danza, teatro, cinema, arte e historia dirixidos a todos os públicos

Tres sesións de cinema celebradas esta semana abriron a programación de verán do Concello de Tui que nesta ocasión preséntase baixo o título “Saímos con sentidiño”. A cita co sétimo arte volverá no mes de agosto, tamén tres días seguidos (10, 11 e 12) nos que se proxectarán os filmes “Los Goonies”, “Fiebre de sábado noche” e “Abominable” na pantalla xigante instalada no paseo fluvial. A reserva da entrada poderase facer dende o luns previo a cada proxección a través da web www.tui.gal. Tamén será preciso a inscrición para asistir ao espectáculo “Leira” de Nova Galega de Danza, o 13 de agosto na Praza de San Fernando, e para a representación de “A contenda dos labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca”, o 27 de agosto na ribeira de Caldelas. Trátase esta última, dunha produción da Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego para o Festival de Almagro, coa que se conmemora o 350 aniversario desta peza teatral que foi o primeiro texto dramático escrito en lingua galega.

Pero sen dúbida os festivais, un total de seis, son os protagonistas desta época estival na cidade fronteiriza, uns xa afianzados como Música no Claustro, IKFEM, Arraianos e Play Doc, e outros novidosos coma os de Artes de Rúa e o MUMI.

O máis inmediato, o de Artes de Rúa Eurocidade Tui-Valença, que se celebrará do 23 ao 25 de xullo con 18 funcións, unha ducia de espectáculos e seis pasarrúas.

Xa en agosto, Música no Claustro, o XV Festival de Música, Patrimonio e Creación desenvolverase na Catedral de Tui do 1 ao 7 de agosto. Do 18 ao 22 terá lugar o IKFEM’21, Festival de Teclados da Eurocidade Tui-Valença e do venres 27 de agosto ao domingo 5 de setembro, o Festival Arraianos celebrará unha edición especial Xacobeo.

Tamén a Eurocidade Tui-Valença acollerá o 9, 10 e 11 de setembro o MUMI, Músicas no Minho, Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal. E por último do 22 ao 26 de setembro celebrarase a 17ª edición do Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui.