A estrea do filme “Donde acaba la memoria” servirá para abrir a XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro nesta parroquia porriñesa. A película supón a estrea como director do cineasta vigués Pablo Romero-Fresco. Trátase dun documental protagonizado polo célebre historiador hispanista de orixe británica Ian Gibson quen participará, en Cans, da estrea mundial da película, producida por Xavi Font, coprodutor de “O que Arde”.

Os deseñadores de Nikkis Galicia Cristina Garre e Marcos Martin asinan o deseño do cartel desta edición, na que o festival alcanza a súa maioría de idade. Nas súas explicacións do deseño, referíronse ao emprego dos dous rombos, un símbolo inesquecible para os seguidores españois do audiovisual, coma elemento central.

Venda de entradas

Como xa aconteceu o pasado ano, as medidas de distancia, seguridade, e sobre todo protección dos veciños serán fundamentais nesta edición. O aforo volve estar limitado e antonte, xoves, abriuse a venda de entradas a través da tenda enliña do festival, cun desconto de máis do 30% sobre o prezo oficial, 200 abonos para asistir ás proxeccións das curtametraxes que participarán na sección oficial do certame. Nos packs, que custan 21,50 euros, gastos de xestión incluídos, engádense ás entradas a camiseta, o catálogo do festival e unha chapa de edición limitada. Ademais, abríronse tamén as inscricións, de balde pero limitada a 75 entradas, para as estreas de “Donde acaba la memoria” e “Beiras, vivir dúas veces”.