Co obxectivo de reactivar o sector turístico o Concello de Baiona vén de programar unha serie de visitas guiadas ao longo desta época estival para a dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio.

Por unha parte, están os “Xoves no Camiño”, a través do cal se da a coñecer o Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio. A primeira saída tivo lugar antonte, repetirase o xoves 29 de xullo e para agosto están programadas outras dúas rutas os días 12 e 26. A saída é ás 10.00 horas dende a oficina de turismo e faise un percorrido lineal de 3,5 quilómetros e de 2 horas e media de duración aproximada, pasando pola praza de Santa Liberata, rúas Manuel Valverde, Conde e O Burgo, praza Vitoria Cadaval de Sabarís e igrexa de Santa Cristina, con regreso a Baiona polo paseo marítimo, acompañado en todo momento pola guía.

E dende hoxe, todos os sábados e martes, ata o 31 de agosto, organízase a ruta que percorre o centro da vila, visitando lugares emblemáticos como o monumento “Encuentro Entre Dos Mundos”, o Paseo Ribeira e o casco histórico. Iníciase ás 11.00 horas e finaliza sobre as 12.30 horas

O número de prazas por ruta está limitado a 20, polo que é preciso a inscrición previa na propia oficina de turismo, enviando un correo electrónico ao enderezo oficinadeturismo@baiona.gal ou chamando ao número de teléfono 986 68 70 67.

O punto de encontro para ambas visitas, trala confirmación da praza, é o palco do Parque da Palma.