A crueza con que foron violentadas as “rapadas”, as mulleres aldraxadas durante a Guerra Civil, foi sentida de cheo fai uns días na praza do Seixo de Tomiño coa performance “Sinais”, que a actriz, directora e escritora Esther F. Carrodeguas puxo en escena no marco do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

O inquietante son das tesoiras afiadas e a rapa e o rachado das vestiduras dunha boneca serviulle a Carrodeguas -acompañada pola música electrónica de Juanma Lodo- como introdución para citar os nomes e as historias dunha vintena de mulleres represaliadas e para transmitir a enorme dimensión deste castigo ás mulleres e o seu impacto social.

Mulleres que, como finalizou dicindo case sen alento Carrodeguas, “tiveron que estar ao servizo dos vencedores e que foron castigadas e masacradas”. A artista freou en seco para concluír que, “aínda que tiveron que ficar sen identidade e non todas sobreviviron, foron elas as gardadoras da nosa esperanza. A herba fresca que crece nos bordes da estrada, esa liña verde entre o asfalto son elas, as nosas rapadas”.