Chega a Arbo a segunda cita gastronómica do ano co seu produto por excelencia. Celébrase, a fin de semana do 7 e 8 de agosto, a XXVI Festa da Lamprea Seca. Música e gastronomía irán da man estes días. As charangas Sorcha, A. C. Barca de Loimil, A. C. A Vella Barca e Nordés protagonizarán diversos pasarrúas, ademais o sábado 7 Luar na lubre ofrecerá un concerto, ás 22.00 horas na Praza do Concello, lugar onde ao día seguinte, ás 20.00 horas haberá un espectáculo circense e previamente animación infantil. O domingo tamén tocará a Banda de Xinzo ás 13.30 horas, e a xornada abrirase xa ás 10.00 horas coa tradicional Festa da Bicicleta.

Antes, o venres 6, ás 20.30 horas, na praza Consistorio, celebrarase unha nova edición da Gala da Lamprea onde se procederá ao nomeamento de “Arbense distinguido”, entrega de premios de diferentes concursos e dunha placa conmemorativa á Coral Polifónica de Arbo polo seu 25 aniversario. Todo elo amenizado coa actuación do violista Antonio Seijo e o seu grupo Skylight, nun tributo instrumental ao pop máis coñecido.

Cinema na rúa

Antes, esta mesma noite proxéctase a película “Padre no hay más que uno”, será ás 22.30 horas na Praza do Concello. Sesión que se volverá a repetir os días 1 e 14 de agosto, cando se poderán ver os filmes “Los Japón” e “Cuñados”, respectivamente.