O Concello de Tomiño vén de adherirse á iniciativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas) “Praias sen fume”. Por este motivo, o areal fluvial de Goián manterase a partir de agora libre de cabichas e de malos fumes. A medida ten, sobre todo, un fin educativo e de sensibilización social, razón pola que non haberá multa polo incumprimento. “Xa que non pretendemos recadar, senón educar e concienciar, non sancionaremos, apelando en todo caso á responsabilidade cívica de cada persoa”, explican dende o Concello.

A medida busca evitar, ademais da evidente molestia para as persoas non fumadoras, o feito de atoparse con cabichas na área, ou que os nenos vexan natural o feito de fumar diante deles, normalizando un hábito prexudicial para a saúde.

Paralelamente, o Concello convida á cidadanía a realizar unha enquisa, a través da súa web, co fin de coñecer a súa opinión respecto do tema.

Ponteareas

O areal de Goián únese así aos máis de 160 repartidos por toda a xeografía galega pertencentes a rede “Praias sen fume”. Precisamente, foi dun concello da bisbarra, o de Baiona, cando no ano 2012 puxo en marcha unha campaña co fin de promover que non se fumara nas súas praias, como xurdiu “Praias sen fume” e, a día de hoxe, podemos atopar exemplos destes areais, tanto de río como de mar, en moitos dos municipios da contorna, como Redondela, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Mondariz, Tui, A Guarda, Soutomaior e Ponteareas, que tamén vén de sumarse a esta iniciativa nas súas praias da Freixa e San Roque.