A proxección do filme “Nación”, baseado na antiga factoría de Pontesa, pon esta noite, a partir das 22.30 horas na Alameda Talo Río, o broche final ao ciclo de cinema galego enmarcado no programa de dinamización do Xacobeo 2021. Música, deporte e máis cine enchen o calendario cultural deste mes de xullo no Concello de Soutomaior que ten programados para os últimos sábados os concertos de Susana Seivane e Uxía Lambona e a Banda Molona (día 24, ás 22.00 horas e día 31, ás 21.00 horas, respectivamente) na Alameda Talo Río, lugar onde tamén o vindeiro sábado se proxectará a película “Padre no hay más que uno”.

A axenda musical complétase coa sesión vermú (13.00 horas) de Raúl & Cía do domingo 25 de xullo, pop rock & café o 17 de xullo, concerto de Sheila Patricia e Laura Lamontagne & Pico Amperio o día 23 e Soutonight: Moosing o venres 30; todos ás 22.00 horas, o primeiro na Alameda Talo Río e os outros dous no peirao de Arcade.

Mantente en forma

Por outra banda, a Concellería de Xuventude pon en marcha durante os meses de xullo e agosto o programa “Mantente en forma”. Dará comezo o vindeiro luns, así todos os luns haberá sesión de bailes variados, de 19.30 a 20.20 horas en Camboa; os martes farase aguagym na praia da Muxeira, de 18.00 a 18.50 horas, e os mércores sesión de bailes do mundo, de 19.30 a 20.20 horas na Xunqueira de Arcade. A entrada é libre para todas as persoas, sen requirir inscrición previa. A maiores, o xoves 15 de xullo celebrarase unha sesión de bailes variados na pista de patinaxe do peirao de Arcade.