“Pretendemos reforzar e reafirmar o orgullo de ser galegos e galegas, de poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa propia identidade como pobo”. Así foi como a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presentou os actos programados para celebrar o Día de Galicia, “un programa de tres días como corresponde á importancia da xornada e máis nun municipio como Redondela que sempre foi referente de galeguidade e pioneiro na defensa e posta en valor da nosa lingua”.

Redondela celebra o 25 de xullo con música e cine

Será unha fin de semana de cinema e música. Baixo o título de “Terra… a nosa!, a programación comezará o venres, 23 de xullo, coa proxección do filme Cuñados, ás 22.30 horas, na Alameda Castelao. O sábado 24, ás 22.00 horas, o paseo marítimo de Chapela vestirase de gala para acoller o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, actuación que precisamente o pasado ano tivera que ser suspendida pola COVID-19. E o domingo, 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, terá lugar, primeiro, ás 20.00 horas na Alameda Castelao, o acto institucional no que, adiantou a rexedora local, “terán protagonismo os cativos e cativas do campamento de conciliación”. E a continuación, a modo de broche de ouro, a xornada pecharase co concerto de Sés.

O acceso a todos estes eventos é de balde par todos os públicos pero é preciso retirar entrada de xeito anticipado nos multiusos da Xunqueira e de Chapela

O programa, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe a propia alcaldesa, foi presentado por esta, acompañada dos concelleiros Marta Alonso e Alberto Álvarez.