O proxecto ‘Memoria Viva’ chega aos barrios dos seus dous primeiros protagonistas. Tras o éxito acadado no acto de presentación, o Concello do Rosal quere levar esta iniciativa aos barrios onde naceron e viven Marcola González (97 anos) e Nemesio Castro (91), nos que se celebrará unha proxección dos seus vídeos documentais.

A primeira proxección terá lugar o vindeiro xoves, a partir das 21.00 horas, na Praza de Novás, barrio de onde é orixinaria Marcola, “a tendeira de Novás, a tenda que era o centro de operacións de todo o barrio. Unha muller avanzada aos seus tempos, que na súa vida foi rachando barreiras e teitos de cristal. Aprendeu a ler naqueles tempos, sacou o carné e aprendeu a nadar de maior... e acredita a forza da xente nova para construír o futuro”. E o sábado 10, á mesma hora, a cita será en Martín para ver o documental de Nemesio, “un home a que case todo o mundo coñece polo extrovertido que é e porque sempre que fala do Rosal faino con orgullo e paixón. Ten un vínculo moi especial cun valor patrimonial fundamental para nós como son os muíños do Folón (lugar precisamente onde se proxectará o documental) e do Picón, porque como el mesmo di non sei se fun do muíño para casa ou de casa para os muíños porque os muíños son a súa casa”. Ademais, todas as persoas interesadas en conseguir os libros do proxecto poden facelo nas dependencias do Concello.

‘Memoria viva’ é un proxecto plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial do Rosal, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio. “Queremos conservar unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, as historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiros e rosaleiras”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández.