A biblioteca municipal da Cañiza ten un “Recuncho para a Igualdade”, unha sección de libros que teñen en común, dun xeito ou doutro, a defensa da igualdade entre mulleres e homes. Nesta sección, inclúense exemplares para todas as idades. Obras dirixidas aos lectores máis novos con historias e aventuras protagonizadas por nenas ou nas que as mulleres teñen capacidades que na literatura do pasado só tiñan os homes. Agora no verán, cando un libro é un bo aliado para a piscina, o río ou a praia, a biblioteca cañicense anima á súa veciñanza a botar unha ollada ás novas incorporacións no “Recuncho para a igualdade”: novas biografías, contos e cómics sobre a igualdade e sobre a vida de mulleres importantes que dalgunha maneira marcaron a diferenza no seu tempo.