O verán en Gondomar xa está a piques de comezar / Vaia, vaia, vaia, vide ver / Conta máis, conta máis / Cine non vai faltar / Conta máis, conta máis / Música para bailar.

Así é como reza a primeira parte do retrouso da letra escrita para a peza audiovisual creada polo Concello de Gondomar para anunciar a programación cultural deste verán, logrando unha vez máis (xa o fixeran tamén no Nadal) implicar a veciños e foráneos na súa produción. Trátase dunha versión propia do tema “Summer nights” do clásico “Grease” na que Gondomar e a súa xente convértense nos protagonistas.

Ao longo do vídeo clip os protagonistas percorren distintas localizacións do municipio, e mentres o grupo masculino di “conta máis, conta máis”, as mulleres van desvelando en termos xerais o contido da programación “Circo, maxia e cancións/Mil e unha actuacións/Actuacións teatrais /Danza de gran nivel / Excelente cartel”.

Todo está xa preparado en Gondomar para comezar os actos festivos que arrancarán o vindeiro venres para conmemorar ao patrón da vila, San Bieito. Este ano si haberá festas patronais coas tradicionais atraccións de feira e as tan ansiadas verbenas, nun espazo delimitado e con control de acceso, respectando as medidas de prevención e apelando sempre á responsabilidade individual e colectiva. O día 9 actuará La banda de ayer; a fin de semana as protagonistas serán as orquestras, o sábado 10 Assia e o domingo 11 Marbella, acompañada tamén da Banda de Música de Vincios, e o luns 12 pechará La patrulla. Todos estes concertos serán nas pistas das Cercas a partir das 22.30 horas.

Entroido de verán

A programación proseguirá todas as fins de semana do mes de xullo. O venres 16 Urbano Cabrera ofrecerá un concerto na Praza da Paradela e o sábado 17 celebrase o entroido de verán, co trío Azar e sarao animación, tamén na Praza da Paradela a partir das 17.30 horas.

En torno ao Día de Galicia tamén están previstos diferentes eventos. O 23 e 24 haberá música da man de Rubén de de Lis e Sueño de Calíope, respectivamente, ás 22.30 horas na Praza da Paradela; e o domingo 25 cinema ao aire libre coa proxección da película “María Soliña”, ás 22.30 hroas no parque Ponte das Rosas.

A programación do mes de xullo pecharase cunha “Noite meiga” organizada pola Omix e o concerto de La Franga o venres 30 e a actuación de Xanpatito Pato “Só” o sábado 31, e comezará o mes de agosto, o domingo día 1, coa Burgas Big Band.