O Concello de Mos reabriu as súas instalacións de verán. Non é preciso ter praia de auga salgada ou doce para pasar estes meses de calor ben fresquiños. Nos municipios de interior, e que tampouco dispoñen de areal fluvial, as solucións para refrescarse nestes días tamén existen. É o caso de Mos, que logo do éxito acadado, dada a gran afluencia de público, co parque da auga de Sanguiñeda puxo en marcha outro de similares características preto do Pazo dos Marqueses, na Pesqueira. Ademais, no concello contan tamén con piscinas ao aire libre en funcionamento dende o pasado xoves.

Tras o parón do ano pasado por mor da COVID-19, retómase agora, con todos os protocolos e medidas sanitarias de seguridade e prevención, a actividade nestas tres áreas de lecer para dar servizo e recursos de lecer á veciñanza.

Con motivo do inicio da tempada estival, fai xa un par de semanas, abriron os parques da auga da Pesqueira e Sanguiñeda, que están en funcionamento todos os días da semana en horario de mañá, de 12.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. En ámbolos dous casos compleméntanse con parque infantil, elementos biosaudables para persoas maiores e zona verde de paseo e desfrute.

Os múltiples chorros, con diferentes formas (de paraugas, cogomelo…) son, sen dúbida, os protagonistas e os puntos máis concorridos e demandados para espantar as altas temperaturas, pero os parques contan con outros elementos de contido tamén didáctico, cos que os máis pequenos poden aprender xogando. Así no parque da auga de Sanguiñeda hai instalados diferentes elementos que representan o ciclo hídrico: unha fervenza que alimenta un embalse cunha comporta manual dende a cal a auga pode pasar a un río central cheo de obstáculos ou, pola contra, ser evacuada a dous ríos afluentes de menor tamaño con circuítos alternativos regulados por comportas de paso que os nenos poden manipular; un chorro de auga vertical representa por exemplo as chuvias torrenciais como as que en ocasións provocan o desbordamento do río Louro e como final do traxecto, a desembocadura no mar representado cun charco no lugar onde se recolle e evacúa a auga para a súa posterior reutilización, unha vez depurada.

Cativos refrescándose no parque da auga de Sanguiñeda, en Mos Anxo Gutiérrez

No que respecta á piscina ao aire libre de San Eleuterio abriu ao público antonte con horario diario ininterrompido de 11.00 a 21.00 horas. Estas instalacións constan de dous vasos, un grande e un pequeno, destinado este último ao uso e desfrute dos cativos de menor idade, baños e servizo de socorrista. Está situada na zona oeste da urbanización de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, xunto ao parque infantil e a pista deportiva.

Na Paradanta

E ao igual que en Mos, outros concellos de interior como A Cañiza e Covelo na comarca da Paradanta, reabriron tamén este xoves, co comezo do mes de xullo, as súas piscinas municipais.

No caso de Covelo, para poder acceder é precisa a reserva anticipada de entradas, conta con todas as medidas COVID e co persoal necesario para así poder facelas cumprir. Este ano veciños e demais usuarios poden desfrutar dunhas instalacións melloradas grazas á reforma integral dos baños e vestiarios e a incorporación dunha zona con mesas, bancos e pérgolas.

Por outra banda, a piscina municipal das Grades na Cañiza estará aberta ata o 15 de setembro en horario de 15.00 a 21.00 horas, xa que pola mañá dará servizo exclusivo aos participantes dos campamentos de verán. O aforo, controlado polos monitores, redúcese ao 50% pasando así dos 326 aos 163 usuarios ao día. Poderase reservar praza para o día en curso chamando ao número de teléfono 986 651 000, en horario de 08.00 a 14.00 horas; as reservas para o sábado e domingo realizaranse o venres.

E tamén na Cañiza abriuse antonte a praia fluvial de Luneda, neste caso cun aforo reducido ao 75% da súa capacidade (225 persoas) e baixo a responsabilidade de todos os usuarios aos que se lles pide respecto pola normativa en materia COVID.

Coida-T no verán

Volvendo ao Concello de Mos, a partir do vindeiro luns, 5 de xullo, retómase o programa COIDA-T no verán con actividades ao aire libre.

Está dirixido a todas aquelas persoas, da igual a idade, con ganas de coidarse e manter activa a súa mente e o seu corpo. Da man da adestradora deportiva, María García, e adaptado todo ás novas medidas de seguridade por mor da COVID-19, retómase este programa no que se traballará con exercicios para queimar a graxa mala, tonificar os músculos, fortalecer as articulacións, eliminar dores corporais e controlar o peso, entre outros obxectivos.

As actividades faranse en contornas exteriores como son a pista deportiva do parque da Pesqueira, Pazo de Mos ou no sendeiro do Louro, en caso de choiva trasladaríase ao pavillón Patricia Martínez, Castro Mos. Levaranse a cabo os luns e mércores en dúas sesións, unha de 10.00 a 11.00 e outra de 11.00 a 12.00 horas. As prazas son limitadas pero aínda quedan algunhas vacantes, polo que as persoas interesadas en participar deben inscribirse canto antes chamando ou número de teléfono 625 856 590 onde tamén lle facilitarán máis información ao respecto.

Durante o mes de agosto interromperanse as clases por vacacións e volverán novamente en setembro co obxectivo de manterse en forma e incorporar hábitos saudables.