Tomiño pon en marcha solucións naturais para problemas derivados das condicións meteorolóxicas e os seus efectos nos edificios da vila. É o caso das dúas escolas infantís Galiña Azul coas que conta o municipio, unha no Seixo e outra en Goián, que suman un cento de prazas de 0 a 3 anos.

Nesta última, coa axuda dunha paisaxista, o Concello propuxo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar facer unha plantación dunha vintena de árbores, tales coma cedros, fotinias e arces; especies que cando crezan reducirán notablemente o paso da calor ao edificio durante os meses de verán. “En Goián había un problema de excesivo calor nas aulas e procurouse unha solución ecolóxica que é unha plantación de árbores, amais de colocar uns toldos nas ventás”, explica a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez.

Na elección das árbores, segundo apunta a paisaxista Sinda Davila, de Verdeon Jardinería, tivéronse en conta varios condicionantes: a ornamentación do conxunto, o acompañamento ao edificio e dar resposta ás necesidades de sombra demandadas dende a Dirección do centro. As árbores elixidas pola súas características foron: Cedrus atlántica, Glauca péndula, Acer platanoides “Globosum”, Photinia x fraseri “Red Robin” e Albizia julibrissin.

“Os cedros acompañan a entrada do edificio antigo nomeado como a casa do médico, pola súa porte, o seu peso e carácter, son árbores maxestosas, de folla perenne e color azulado, piñas cara arriba, acompañan ademais en cor ao logotipo da Galiña Azul”, comenta.

No interior, plantados no xardín, hai unha combinación de pradairo e albizia, plantados na zona de máis sol para proporcionar sombra de dúas formas: unha tamizada polas follas da albizia e outra máis densa dos pradairos.

As photinias marcarán cor vermello na primavera, violáceo no verán e verde no outono. “Estas especies foron elixidas polo seu crecemento controlado, xa que admiten ben as podas e pola interese paisaxística. Ademais, foron plantadas cunha barreira de protección anti-raíces para evitar destrucións nos saneamento”, explica a profesional.

Por outra banda, na escola infantil do Seixo instalouse unha pérgola de madeira feita a medida e con teito de metacrilato para crear unha zona de abrigo onde poder agardar aos escolares en épocas de chuvia. Neste caso dáse solución a un requirimento das familias que, a partir da pandemia da COVID-19, víronse obrigadas a manter unha distancia maior na entrada do edificio.