A editorial Galaxia está xa a traballar en “O libro da rosa”. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, reuníronse co director xeral de Galaxia, Francisco Castro, para abordar un proxecto editorial con Mos e o seu emblema heráldico como protagonistas.

“O libro da rosa” presentarase con motivo da Festa da Rosa do vindeiro ano 2022. Será o cuarto título dunha serie que a editorial comezou con “O libro dos libros”, que foi seguido de “O libro dos trens”, e agora sairá á luz “O libro da música”, programado para 2020 pero cuxo lanzamento se viu truncado pola pandemia da COVID-19.

A editorial atópase en busca dos 10 autores galegos (5 mulleres e 5 homes), ‘primeiras espadas’ da literatura na nosa Comunidade Autónoma, que asinen “O libro da rosa” coa súa autoría.

O formato será un volume de 135 por 210 mm e 112 páxinas impresas na súa edición comercial e na edición exclusiva para o Concello de Mos aumenta o seu tamaño a 197 por 250 mm e 200 páxinas impresas.

Esta boa nova trae a Mos un sopro de aire fresco e a esperanza de que a Festa da Rosa do ano que vén poderase vivir xa por fin, de novo, con normalidade, e por todo o alto.