Navegar polo río Miño será posible este verán pola ruta fluvial internacional entre as Eurocidades Valença-Tui e Monção-Salvaterra de Miño. Forma parte do proxecto “Río Miño. Un destino navegable”, no que os pasaxeiros poderán gozar do seu atractivo natural e patrimonial .
Os municipios van lanzar un concurso internacional para alugar unha embarcación fluvial con capacidade para 20 persoas, así como outros medios de transporte terrestres, proxectando a realización de rutas turísticas entre os catro municipios da Raia.
Esta acción, apoiada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), ten como obxectivo fortalecer o turismo e a economía local, a través da promoción dos principais recursos e atractivos turísticos desta rexión transfronteiriza. O propósito é tamén favorecer o impulso da hostalería e o comercio locais.
Os responsables dos catro municipios bañados polo río Miño, realizaron recentemente o percorrido fluvial internacional a ofertar para verificar a viabilidade futura desta ruta fluvial. Participou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Turismo de Tui, Yolanda Rodríguez; a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel; o concelleiro de Turismo de Monção, João Oliveira, e o concelleiro de Turismo de Valença, Mário Rui.
No traxecto confirmáronse as condicións de navegabilidade do río Miño, simulando as condicións reais que terá a futura ruta. Para comprobalo utilizouse a APP Calados Salvaterra (dispoñible no Google Store), que posibilita, en tempo real, coñecer o caudal do río e trazar a ruta idónea.