O escritor guardés Francisco Álvarez Koki vén de lanzar o seu último libro. Trátase de “Olivia e o clarinete máxico”, unha obra de literatura infantil, edición trilingüe (galego, castelán e inglés) que xa podemos atopar nas librarías e cuxa presentación o seu autor prevé para finais de ano.

A historia desenrólase entre os concellos da Guarda e Tomiño. A Olivia, unha nena, encántalle subir ao faiado da casa dos seus avós para buscar tesouros de outros tempos. E alí, un día, atopa, nun baúl de facer as Américas da familia, o clarinete do seu bisavó Pepe. Un instrumento moi especial que tocaba cando ela inda estaba no ventre da súa nai, e que cambiará vida da pequena para sempre.

Álvarez Koki convida a todos a descubrir “esta fantástica historia sobre o valor das tradicións familiares e o amor pola música”.

“Olivia e o clarinete máxico” é o cuarto libro que este escritor e animador cultural escribe para nenos. Autor tanto en galego como en castelán e residente en Nova York, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega, ten publicado diversas obras de literatura, poesía e narrativa, infantil e para adultos, e participado nunha decena de libros, entre eles unha antoloxía de poetas españois en Nova York que acaba de saír en Toledo.

Antoloxía de poetas españois en Nova York

Trátase de “Luna y panorama sobre los rascacielos”, editado por el mesmo e no que se recollen textos dos poetas Inmaculada Lara Bonilla, Ana Vidal Egea, Juan Navidad, Saida Santana, Marcos de la Fuente, Tina Escaja, Gonzalo Sobejano e do propio Francisco Álvarez Koki.