A Concellería de Cultura do Porriño programou para os meses de xuño e xullo unha serie de actividades nas diferentes parroquias do municipio. Hoxe, ás 22.00 horas, haberá dobre sesión de cine, “O soño dunha noite de San Xoán” proxectarase na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros e “Eroski Paraíso” na Asociación Cultural Casal Chan de Budiño, filme que en xullo tamén se proxectará en Torneiros, o día 17, na Forna de Budiño (día 3) e en Chenlo (día 10).

Mañá domingo, ás 20.00 horas, Pedro Brandariz presenta o seu monólogo “Pai noso, Padre Nuestro” na Asociación Cultural Mosteiro de Budiño, e volverá a repetir actuación os seguintes sábados en Chenlo (26 xuño) e San Salvador de Torneiros (3 xullo).

Marco Pombo traerá “Maxia para soñar” a Carracido (26 xuño) e a Mosteiro-Budiño (17 xullo) e o teatro chegará da man de Isabel Risco e Fran Rei coa obra “Dous no Camiño” dirixida por Avelino González, que se representará en Carracido (3 xullo) e en Casal Chan de Budiño (24 xullo). Vero Rilo protagonizará a sesión de narración oral “Elas”, será en Chenlo o 24 de xullo.

Música medieval

Incluído no programa A Cultura viaxa ás parroquias atópase o Ciclo de música medieval en camiño, unha peregrinación pola historia e pola música. Trátase de concertos líricos de cantigas medievais da man da soprano e instrumentista Esperanza Mara. Programadas en diferentes igrexas e capelas do municipio, as actuacións deron comezo en maio e continuarán no mes de xullo. O día 6 celebrase na igrexa de San Rosendo de Torneiros, o 9 na capela de San Bieito, o 16 na igrexa de Cans e o 18 en San Campio (Pontellas). Para asistir é preciso inscribirse nos 5 días previos a cada recital mediante o correo electrónico reservasmusicamedieval@gmail.com