A Agrupación Apícola de Galicia ten instalado hoxe, entre ás 09.00 e as 14.00 horas, un punto de información e venda de Belacolmea na Praza Antonio Palacios do Porriño. Esta localización non foi elixida ao azar, senón por tratarse dun enclave importante para os peregrinos que realizan o Camiño Portugués. Belacolmea materializa a senlleira relación entre peregrinos e apicultura, sendo unha liña de cosmética natural que aglutina os beneficios do Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida, así como doutros produtos da colmea como son o propóleo ou a cera.

Así, as persoas que estean a facer o Camiño de Santiago serán agasalladas cun “pack peregrino” composto por tres cremas destinadas ao coidado e reparación da pel: un bálsamo para pés de nutrición intensa e dous bálsamos corporais. Todos eles contan co poder do Mel de Galicia, herdando del a súa capacidade enerxética e as súas propiedades antisépticas, antioxidantes e rexeneradoras, perfectas para paliar as dores e as molestias que sofren moitos peregrinos tras longas camiñadas.

Do mesmo xeito, ofrecerase información a todas as persoas interesadas no ámbito da apicosmética en xeral, ou en Belacolmea en concreto, para alén de poder adquirir outros produtos pertencentes a esta liña de coidado corporal no mesmo posto.

Belacolmea supón a primeira liña galega de apicosmética formulada a base de Mel de Galicia de Indicación Xeográfica Protexida. Un proxecto incluído no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, orientado á promoción e dinamización do Xacobeo 2021.

Segunda de seis paradas

A de Porriño supón a segunda parada da Agrupación Apícola de Galicia, tras o seu paso por Lalín o pasado día 5, que ten previsto a colocación de catro puntos de información máis ao longo dos vindeiros meses: o 14 de agosto en Pontevedra e en setembro o 4 en Arzúa, o 18 en Dumbría e o 25 no Cebreiro. Todas estas localizacións comparten o feito de ser zonas de tránsito ou chegada dos camiñantes que estean a realizar algunhas das rutas xacobeas.