O Concello de Salvaterra de Miño en colaboración coa Asociación de veciñas e veciños de Arantei puxo en funcionamento un punto de lectura e de intercambio de libros, na antiga escola da parroquia, rehabilitada nos últimos anos polo Concello, e que agora mesmo é a sede da asociación veciñal.

Con esta actuación conxuta, búscase achegar a lectura ás parroquias de Salvaterra. Este espazo estará xestionado pola asociación coa doazón de libros por parte da Biblioteca Municipal de Salvaterra e tamén de veciños e veciñas. Toda persoa que queira poderá intercambiar ou simplemente doar aqueles libros que xa non utilice, para que outros poidan gozar deles.

O punto de lectura de Arantei está situado na planta baixa deste edificio tan emblemático para a parroquia. Foi adquirido polo Concello e adaptado a edificio escolar coa cooperación do pobo no ano 1929, e rehabilitado fai un par de anos para uso social.