Si haberá alfombras florais en Ponteareas esta fin de semana, pero visitalas en directo será un privilexio reservado, debido a pandemia da COVID-19, para as ponteareás e os ponteareáns. O resto do mundo poderá admirar o arte efémero dos alfombristas a través de streaming, retransmitirase en directo a confección das alfombras, tendo en conta que a Festa do Corpus Christi de Ponteareas é unha festa de interese turístico internacional desde 2009.

Ponteareas celebra a súa Festa do Corpus Christi hoxe, mañá e tamén o luns, festivo local. A celebración comezará esta tarde, ás 20.00 horas, coa presentación da revista Pregón e a lectura do pregón por parte de Maite Isla, na sala multiusos do auditorio de Ponteareas. Este acto tamén será de aforo reducido pola pandemia da COVID-19.

Este ano as alfombras de flores terán un 40% da extensión das edicións anteriores. Serán uns 12 tapices os que se poderán ver mañá ao longo da mañá, antes de que a procesión as desfaga.

María del Carmen Pérez (Pequecha), alfombrista ponteareá preparando material verde para o tapiz da Praza Maior Anxo Gutiérez

“É importante ter alfombras florais este ano, para mostrar de novo, despois de que o ano pasado non fora posible, o arte efémero que facemos en Ponteareas e tamén para ter reportaxes gráficas, vídeos e fotografías, e non perder outro ano máis para que esta festa de renome internacional non perda o seu espazo e facer uso das posibilidades que nos dan as novas tecnoloxías para difundilas en streaming” explica a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila.

Os alfombristas comezarán a traballar nos deseños antes de que rompa o día, sobre as 6.00 horas, segundo calcula o presidente da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, Miguel Ángel García, “para telas rematadas nunhas tres horas”.

A veciñanza que madrugue poderá ver a súa confección e, unha vez rematadas, poderá admiralas cumprindo sempre as normas anticovid como o distanciamento entre persoas para gozar dun arte efémero con seguridade.

Rúas emblemáticas do Corpus pontereán como a da Rúa Ferreiros ou a rúa Reveriano Soutullo non terán deseño este ano. Os seus organizadores prefiren agardar ao ano 2022 por seguridade.

Tres veciñas de Ponteareas desfollando para as alfombras florais. ANXO GUTIÉRREZ

“É respectable que quen queira facer alfombra a faga e quen non, non, acordouse que haxa liberdade e quen queira facer alfombra que a faga e quen non, non” explica García Correa.

Esta última semana previa, o centro de Ponteareas non ten o seu arrecendo habitual previo a Corpus. Os portais alfombristas están baleiros ou con moi poucas veciñas traballando na preparación do material. Ao seren máis pequenos os tapices non é preciso tantas mans traballando, pero, sobre todo, non é posible por seguridade que nun recinto tan pequeno estea unha vintena de persoas traballando sen distancia.

Segundo adiantan os alfombristas, este ano será un Corpus de flor abundante, no que as hortensias están no seu auxe. De feito, moitos dos deseños están pensados para que luza esta flor tan tradicional do Corpus ponteareán. 

Música e inchable

Este serán, na apertura oficial da festa, actuará a Orquestra de Cámara Galega. Mañá animará o día grande de Corpus a Banda de Música Unión de Guláns.

O luns será festivo local en Ponteareas e, ao non haber escola, a cativada, e tamén os adultos, poderán gozar dun tobogán de auga xigante na rúa Braña durante todo o día.