Personaxes tan coñecidas como Pedro Madruga, Paio Gomes e as labregas Irma e Diña son algunhas das que dende hoxe e ata setembro poderemos atoparnos no Castelo de Soutomaior protagonizando as visitas teatralizadas que volven, unha edición máis a esta fortaleza.

O pasado domingo deron comezo as visitas caracterizadas, dirixidas ao público adulto, e este sábado inícianse as teatralizadas para público familiar. Actividades, ambas, que ofrecerán un xeito diferente de coñecer o castelo a máis dun milleiro de persoas ao longo de todo o verán.

O prezo para participar en cada una das actividades é de 8 euros por persoa e poden adquirise en www.castelodesoutomaior.com. Ofértanse 15 prazas por cada pase de tal xeito que haberá dispoñibles 660 prazas para participar nas visitas teatralizadas e 390 para as caracterizadas.

As visitas caracterizadas, a cargo de Aguias e dirixidas ao público adulto, comezaron o pasado domingo e estenderanse ata o 25 de agosto. No percorrido, de 60 minutos de duración, as persoas que se acheguen ao castelo camiñarán polo seu parque botánico e o xardín de excelencia internacional, así como coñecerán as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos da man de tres mulleres caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria, quen explicarán as súas vivencias, anécdotas e algún que outro segredo. As visitas serán os domingos de xullo (días 6,13, 20 e 27); o 8, 14, 21 e 28 de xullo e os mércores de agosto (días 4, 11, 18 e 25) en dous pases diarios ás 11.00 e 13.00 horas.

No caso das visitas teatralizadas, a cargo de Troula, estenderanse ata o 6 de setembro. No percorrido, tamén dunha hora de duración, as familias coñecerán a historia do castelo a través da peza “Irma e Diña” na que aparecerán personaxes tan coñecidas como Pedro Madruga, Paio Gomes e as labregas Irma e Diña, que poñen nome á representación e presentarán a dobre visión da historia dende o punto de vista da nobreza e dos labregos. Trátase dunha actividade participativa, educativa, dinámica e divertida, na que se coñecerá a historia e peripecias de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, será o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no Castelo como María Vinyals. As visitas en xuño serán os sábados en dous pases diarios ás 16.30 e 18.00 horas. En xullo, agosto e setembro (só o día 6) serán os luns haberá e catro pases ás 11.00, 13.00, 17.00 e 18.30 horas

A Deputación de Pontevedra iniciou o programa de visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior en 2016 e, dende aquela, participaron xa preto de 2.500 persoas na actividade. No caso das caracterizadas, a institución provincial organizou as primeiras no 2019 centradas na temática da “Camelia e moda”, nas que se deron cita máis de 150 persoas.