O Concello de Nigrán abriu o prazo ata o 13 de xuño inclusive para solicitar autorización para facer unha fogueira en San Xoán. As persoas físicas ou xurídicas deben dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello ou Sede Electrónica, onde farán constar na solicitude o lugar elixido para facela, así como nome e datos dos responsables da mesma (os solicitantes serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.). Compre destacar que a posibilidade final de facer a fogueira está suxeita a posible normativa que xurda, incluíndo a relativa ao Covid-19 (o ano pasado finalmente a Xunta non autorizou ningunha, aínda estando autorizadas previamente polos concellos).

O goberno local considera que, polo momento, non se reúnen as condicións sanitarias que permitan devolver a celebración á praia de Panxón, non así as fogueiras de carácter familiar ou veciñal. “Estamos nunha situación moito mellor que no 2020 pero todo indica que, desafortunadamente, aínda non é razoable nin seguro volver a festexar o San Xoán en Panxón como antes do Covid-19, cando se xuntaban miles de persoas”, sinala o alcalde, Juan González quen si estima que nesta ocasión se poderán facer na intimidade familiar ou veciñal. “O ano pasado, finalmente, a Xunta non autorizou ningún tipo de fogueira, desde o Concello consideramos que actualmente as dos veciños nas súas casas ou das entidades veciñais si son seguras, pero acataremos sempre o que digan as autoridades sanitarias”, subliña o rexedor.