A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou esta semana a suspensión da programación da Festa da Rosa 2021 manténdose unicamente, pero sen público, o acto institucional do día 13 de xuño coa presenza da corporación municipal, que terá uns pregoeiros de honra como son o ciclista mosense, gañador dun Tour e embaixador de La Vuelta, Óscar Pereiro, e o director de La Vuelta, Javier Guillén. O acto será retransmitido en directo a través das redes sociais oficiais do Concello de Mos.

A programación prevista polo Concello de Mos incluía o festival musical infantil Canto Conto, a inauguración da exposición “Camiño do Encaixe” de Ana Rosa Liste no Pazo de Mos, cine na rúa coa proxección de “María Soliña” nos exteriores do Centro Dotacional de Torroso, onde tamén estaba programado un concerto de Andrea Pousa e “DesfilaMOS”, desfile de deseños de Encaixe de Bolillos organizado pola Asociación de Palilleiras de Mos nos exteriores do Pazo de Mos

O que si se mantén é o Concurso de Rosas, que se levará a cabo a través dunha iniciativa en redes sociais con fin de contribuír a manter e non perder as tradicións locais, sendo esta unha das máis senlleiras.

Hostalería

Unha parte do destinado a financiar todos estes actos festivos que quedan suspendidos dedicarase a poñer en marcha unha campaña de promoción e difusión publicitaria masiva da hostalería mosense incluída no plan ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’, como así o comunicou a rexedora local. Con esta campaña preténdese “darlle un gran pulo aos locais hostaleiros de Mos durante o verán, unha vez superado o nivel máximo de restricións no que se atopa o municipio, e fomentar que tanto veciñanza mosense como de concellos da contorna e incluso turistas consuman en bares, restaurantes, taperías e cafeterías de Mos”.

Levaranse a cabo múltiples accións entre elas a instalación de mupis publicitarios en Sanxenxo, promocionando o fin de etapa 20 de La Vuelta en Mos, de xeito que tanto habitantes de Sanxenxo como veraneantes que alí se atopen se animen a coñecer Mos e a consumir nos negocios de hostalería.