▪️Durante moitos anos o Cámping da Cañiza foi un referente para os campistas na Paradanta. A súa localización e os activos turísticos que están preto das súas instalacións puntúan á hora de escoller onde colocar a tenda de campaña.

Ten capacidade para acoller a 1.000 campistas e este verán será unha opción económica para aloxarse na comarca.

O Concello da Cañiza iniciou a tramitación administrativa para adxudicar a súa explotación a unha empresa en réxime de concesión para que estea aberto aos visitantes, polo menos ,os meses de xullo e agosto completos, ampliable este período de servizo.

O Cámping cañicense foi inaugurado en 1994, conta cunha superficie de 10.000 metros cadrados, e ten 201 prazas distribuídas en 67 parcelas e 4 bungalows de 4 prazas cada un, situadas nunca paraxe con arborado caducifolio e perenne e chan de herba. Está inscrito no Inventario de Bens Municipais co Nº 0214000308 -63 e está valorado en 422.604,84€ .

A instalación xa foi utilizada en réxime de concesión administrativa co anterior goberno local, pero o período de vixencia finalizou hai dous anos. En 2020 o goberno cañicense abrira o cámping por xestión directa. Agora, quere adxudicalo en concesión, entre outros motivos, para dar aos visitantes un motivo e atractivo turístico, que baseado en criterios ambientais fomente o turismo na zona e atraia visitantes a unha contorna de gran atractivo natural.

Os servizos de cafetería, bar, comidas poderán ser de uso xeral e non exclusivo dos usuarios do cámping, así como o alugueiro de bicicletas e calquera outra actividade sempre que previamente sexa regulado polo Concello no regulamento aprobado. As tarifas e horarios estarán expostos ao público.