A XI edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán celebrarase o 4 de xullo en praia América se a situación sanitaria o permite. Así o anunciou a organización á vez que informaba da apertura de inscricións (ata o 24 de xuño ás 12.00 horas) a través da web

www.championchipnorte.com ou na tenda Boyer Triathlon Vigo.

Debido á COVID-19, a organización tivo que realizar una serie de cambios para adaptarse a as esixencias sanitarias tal como xa sucedera o pasado ano. Así, haberá obrigatoriedade de usar a máscara antes da saída, meta e entrega de trofeos; as saídas serán escalonadas e haberá toma de temperatura e limitación de capacidade en tódolos recorridos.

Disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros con saídas de 10 nadadores cada minuto. O percorrido máis longo está limitado a 200 prazas e dará comezo ás 10.00 horas, o de 2.700 a 110 e iniciarase 20 minutos máis tarde e no máis curto poderán participar ata un máximo de 100 nadadores e arrancará ás 11.00 horas.

Ademais haberá dous recorridos infantís, un de 50 metros para nenos de 5 a 8 anos, que se iniciará ás 13.00 horas e outro de 150 metros, de 9 a 13 anos, que comezará ás 13.20 horas, ambos limitados a un máximo de 25 participantes.

Como novidade este ano entregaranse novos premios aos tres primeiros clasificados da proba raíña, categoría masculina e feminina, sen neopreno; e ao primeiro nigranés e nigranesa.

Toda a información na web www.travesiaanadocostaserena.es