O Concello de Salceda de Caselas vén de anunciar unha serie de accións relacionadas co lecer e a conciliación familiar para os meses de verán.

O vindeiro luns abre o prazo de inscrición, a través da web salcedadecaselas.gal, para participar no campamento urbano que se celebrará durante as mañás (de 09.00 a 14.30 horas) de xullo e agosto. Está dirixido a crianzas, con prioridade aquelas empadroadas en Salceda, nadas entre 2009 e 2017 e ofertan a posibilidade de aula matinal (dende as 07.30 horas), tardía (ata as 15.00 horas) e comedor (ata as 16.00 horas). Para consultar prezos e máis información poden dirixirse á Casa da Cultura, escribir un correo electrónico ao enderezo campamentosalceda@gmail.com ou chamar ao número de teléfono 653 20 44 13.

Por outra banda, dende a Concellería de Turismo presentan “Vive Salceda”, unha proposta de actividades para o coñecemento e a posta en valor da contorna e os recursos existentes. Programáronse un total de catro actividades, a primeira delas celebrarase esta mesma tarde, unha andaina para descubrir en familia a senda do río Landres. As seguintes citas serán dúas visitas guiadas, unha o vindeiro sábado 12, ás 10.30 horas, ao Pazo de Pegullal, con recorrido polos seus xardíns e viñedos e degustación final; e outra xa no mes de xullo, o día 2 ás 19.00 horas, a Adega Corisca, con visita ao pazo, viñedos e adega e tamén con degustación final. Ámbalas dúas teñen un custe de 5 euros.

Observación astronómica

Xa a última das actividades programadas é unha observación astronómica, unha visita nocturna guiada para a contemplación de estrelas; será o sábado 10 de xullo ás 22.30 horas.

Todas estas actividades contan con prazas limitadas, para o que é preciso a inscrición na Casa da Cultura.