O Concello de Covelo estreará o vindeiro 10 de xuño o seu programa de actividades turísticas que arrancan esta primavera e se estenderán até o inverno.

Inclúe xornadas de rutas guiadas con explicacións sobre os valores naturais e do patrimonio etnográfico, arqueolóxico e arquitectónico que posúe Covelo. Un total de 14 rutas no calendario.

A oferta é moi variada. Unha das opcións é participar nas xornadas de portas abertas da Aula de Natureza e Serradoiro dos Carranos o 13 de xuño, 11 de xullo, 15 agosto, 17 outubro ou o 19 de decembro.

Unhas das xornadas de máis reclamo serán, sen dúbida, as rutas nocturnas con visión estrelar e iniciación á astronomía no miradoiro e observatorio nocturno Castelo do Faro que se celebrarán o 10 de xullo e o 28 de agosto.

Entre as alternativas para coñecer os encantos de Covelo están as súas rutas de promoción turística o 17 de xullo e 7 de agosto con visita guiada ó patrimonio arquitectónico e etnolóxico do concello, ó Cruceiro do Santo Cristo dos Aflixidos na Praza do Mestre Cerviño, así como ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides na Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. Neste caso o Concello de Covelo financiará o transporte en autobús, así como o guía turístico, agasallos, e material informativo dos recursos do concello.

As persoas interesadas en ter máis datos ou reservar praza para algunha das xornadas pode chamar ao teléfono 986 65 00 27, ou atopar máis información na web www.concellodecovelo.es ou no Facebook: Covelo Tourism.

Sendeirismo

Covelo é un referente no mapa das persoas que practican sendeirismo e unha boa opción para as que se queren iniciar na súa práctica.

O Concello de Covelo dispón dunha rede municipal de rutas de sendeirismo formada polas rutas As Estrelas, AQA, Foxo do Lobo, Os Carranos, Pedra do Lobo, Poza Piñeiro, Río Alén e Xabriña, as cales recorren os vales e montes do municipio.

Entro moitos outros, os seus recursos medioambientais e de natureza, son puntos a favor para os turistas a hora de decantarse por Covelo. Un encanto irresistible é a Aula da Natureza do Serradoiro dos Carranos en Maceira, dedicado principalmente a facer carros de vacas a comezos do século XX.

Turismo cultural, etnográfico e patrimonial enriquece a oferta covelense. O Museo Etnográfico Pazo da Cruz, a praza Mestre Cerviño, ou o emblemático Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño son puntos estratéxicos a coñecer cando se visita Covelo.

Astronomía

En anos anteriores, as visitas guiadas ao observatorio do Castelo do Faro foron das máis demandadas. Desta vez, as saídas para vivir esta experiencia serán ás seis da tarde dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta das Estrelas ata a Serra do Faro, na mesma parroquia, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. Os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.