Están xa abertas as inscricións para o programa “Soutomaior Concilia. Campamento de verán 2021”, destinado a cativos de entre 3 e 12 anos, con familias que necesiten conciliar durante o período non lectivo escolar.

Organizado polo Centro de Información á Muller (CIM), Celebrarse no multiusos de Arcade ne tres quendas diferentes, unha primeira que abrangue do 23 ata o 30 de xuño, unha segunda do 1 ao 15 de xullo e a terceira, e última, do 19 ao 30 de xullo.

O obxectivo, segundo explicou o alcalde Agustín Reguera, é “facilitar a conciliación ás familias durante as vacacións escolares, polo que o campamento contará cun horario flexible e adaptable as súas necesidades”. Así, aínda que o horario normal do campamento é de 09.00 a 14.00 horas, os pais que o precisen poderán levar os seus fillos a partir das 8 da mañá e terán a posibilidade tamén de recollelos ata as 15.00 horas como máximo.

A inscrición é totalmente gratuíta e pódese realizar, con prazo ata o 18 de xuño, de xeito telemático a través da páxina web do Concello ou chamando ao número de teléfono do CIM 986 701 227, lugares nos cales tamén poderán obter unha maior información ao respecto.

DeporVerán

A actividade continuará no mes de agosto coa posta en marcha do programa “DeporVerán” no pavillón municipal A Montesiña.

Constará de catro grupos (por idades), un cada semana do mes, sendo o primeiro do 2 ao 5 de agosto para nenos de 3 e 4 anos; do día 9 ao 13 será para cativos de 5, 6 e 7 anos; do 16 ao 20 de agosto para os que estean en idades de 8, 9 e 10 anos e finalmente do 23 ao 27 para os comprendidos entre 11 e 14 anos.

A actividade realizarase en horario matinal, de 09.30 a 13.30.

As prazas son limitadas e as inscricións abriranse o vindeiro luns, día 7, ata o 18 de xuño, no propio pavillón.