A Oficina de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño organizou e participou, desde que en 2003 se dera de alta coma entidade de acción voluntaria, en diferentes proxectos relacionados co voluntariado español e europeo, recibindo en varias oportunidades persoas doutros países e posibilitando o intercambio para que a mocidade local puidera gozar tamén destas iniciativas.

Pero ademais e o máis importante, foi a formación do grupo de voluntariado local que integraron decenas de rapaces interesados en botar unha man na organización de eventos de carácter cultural, social e medioambiental.

Neste convulso 2021, a oficina conta cun novo programa de voluntariado local para desenvolver ao longo do ano no municipio. Un programa consensuado cos mozos pertencentes ao grupo, entre os que se atopan tres novas adhesións: Saskia Díaz, Desirée Gómez e Tamara Castro. Tres mozas que acudiron á última campaña da oficina para sumar recursos humanos. Contrariamente ao que se puidera pensar, as novas voluntarias, teñen unha vida ocupada cos seus traballos e estudos profesionais, pero aínda así, queren dedicar parte do seu valioso tempo a “vivir experiencias novas, coñecer xente e botar unha man”.

As tres tomaron a súa decisión de incorporarse ao grupo local animadas por un amigo común que leva anos colaborando, Andrés Laguna, profesor na Escola Municipal de Música e voluntario. “Crear lazos coa comunidade, por a proba as propias capacidades, aprender das persoas que che rodean, converterte en axente de cambio, protexer a natureza, pasalo ben…”, son algunhas das razóns que levaron a estas tres mozas a converterse en voluntarias, inmersas nestes días na organización dos actos das Letras Galegas.

Aseguran, que tamén influíron as novas vantaxes de facerse voluntario, coma o desconto do 50% nas actividades culturais, deportivas ou cursos de formación municipais; a acreditación das tarefas realizadas; o carné de voluntariado ou o certificado da Xunta.

Perfís diferentes cun obxectivo común

Saskia (28 anos, Sobrada) estudou Relacións Laborais e Recursos Humanos e fixo un máster en Dirección e Xestión Laboral. Traballa coma redactora de contidos web para distintas empresas e recoñece que “atopar un bo emprego non é fácil hoxe en día”. Fala inglés, galego e español e está iniciándose en ruso.

Mentres remata as súas carreiras de trompeta no conservatorio de Vigo e pedagoxía na UNED, Desirée (23 anos, Sanomedio) quixo dedicar parte do seu tempo a botar unha man na OMIX, “compartir ideas e apoiar á cultura; promocionar a banda e a escola de música de Goián (onde dá clases) e colaborar nas campañas de adopción de mascotas”.

Tamara (30 años, Sobrada) é coordinadora loxística no departamento aéreo dunha empresa e estudou Linguas Estranxeiras e Tradución, un máster en Comunicación Internacional e outro en Comercio Internacional. O confinamento “pilloume” vivindo en Madrid e decidiu volver a Tomiño. Coma as súas compañeiras, cre que pode aportar novas ideas e colaborar nos programas e actividades xa existentes. “É interesante coñecer xente de diferentes idades, outras realidades e persoas formadas que poden aportar moito”.