Adherido dende o ano 2019 ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, o Concello de Salceda de Caselas continúa a traballar en base a estas premisas medioambientais.

Así, unha das últimas actuacións foi a instalación de sistemas de climatización do CDL do Torrón. O proxecto enmárcase na posta en marcha de medidas de aforro enerxético dos edificios municipais establecidas no PACES (Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible). “Desta forma mellórase a calidade nas aulas nas que se imparten os programas de formación; pois ata o de agora só se contaba con sistema de calefacción”, sinalan fontes municipais.

Por outra banda, e seguindo a mesma liña, dende o Concello están a estudar a posible ampliación dos equipamentos destinados á Policía Local, neste caso valorando a adquisición dunha moto eléctrica, dando tamén deste xeito pasos na procura dos obxectivos marcados no PACES para a redución das emisións de CO2.